1 Principio do evanxeo de Xesús Cristo, Fillo de Deus. 2 Como está escrito no profeta Isaías: "Velaquí, eu envío o meu mensaxeiro diante da túa faciana, quen preparará o teu camiño. 3 Voz do que clama no deserto: preparade o camiño do Señor, facede dereitos os seus vieiros". 4 Xoán o Bautista apareceu no deserto pregoando o bautismo do arrepentimento para o perdón de pecados. 5 E acudía a el toda a rexión da Xudea, e toda a xente de Xerusalém, e confesando os seus pecados, eran bautizados por el no río Xordán. 6 Xoán estaba vestido de pelame de camelo, tiña un cinto de coiro á cintura, e comía lagostas e mel silvestre. 7 E proclamaba:-Tras de min vén un que é máis poderoso ca min, a quen non son digno de prostrarme para desatar a correa das súas sandalias. 8 Eu bauticeivos con auga, pero El bautizaravos co Espírito Santo. 9 E sucedeu naqueles días que Xesús veu de Nazaret da Galilea, e foi bautizado por Xoán no Xordán. 10 E deseguido, ao saír da auga, viu que os ceos se abrían, e que o Espírito baixaba coma unha pomba sobre El; 11 e veu unha voz dos ceos, que dicía:-Ti es o meu Fillo amado, en Ti me comprazo. 12 Decontado o Espírito impulsouno a ir ao deserto. 13 E estivo no deserto corenta días, sendo tentado por Satanás; e estaba entre as feras, e os anxos servíano. 14 Despois que Xoán fora encarcerado, Xesús veu á Galilea proclamando o evanxeo de Deus, 15 e dicindo:-Cumpriuse o tempo e o reino de Deus achegouse; arrepentídevos e crede no evanxeo. 16 Mentres camiñaba xunto ao mar da Galilea, viu a Simón e a Andrés, irmán de Simón, botando unha rede no mar, porque eran pescadores. 17 E Xesús díxolles:-Seguídeme, e Eu farei que sexades pescadores de persoas. 18 E deixando axiña as redes, foron tras del. 19 Indo un pouco máis adiante viu a Xacobe, o fillo de Zebedeo, e o seu irmán Xoán, que estaban tamén no bote, remendando as redes. 20 E chamounos ao momento; e eles, deixando o seu pai Zebedeo no bote cos xornaleiros, foron tras El. 21 Entraron en Cafarnaúm; e decontado, no día de repouso entrando Xesús na sinagoga comezou a ensinar. 22 E estaban abraiados da súa doutrina; porque lles ensinaba como quen ten autoridade, e non como os escribas. 23 E velaquí estaba na sinagoga deles un home cun espírito inmundo, que comezou a berrar 24 dicindo:-Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaret? Viñeches a destruírnos? Eu sei quen es:-O Santo de Deus. 25 Xesús reprendeuno, dicindo: -Cala, e sae del! 26 Entón o espírito inmundo sacudiuno unha e outra vez, e berrando a gran voz, saíu del. 27 E abraiáronse todos de tal xeito que discutían entre si, dicindo: -Que é isto? Unha doutrina nova con autoridade! El manda aínda os espíritos inmundos e obedécenlle. 28 E decontado a súa fama estendeuse por todas partes, por toda a rexión arredor da Galilea. 29 Inmediatamente despois de saír da sinagoga, foron a casa de Simón e Andrés, con Xacobe e Xoán. 30 E a sogra de Simón xacía doente con febre; e decontado faláronlle dela. 31 Xesús achegóuselle, e tomándoa da man levantouna, e a febre deixouna; e ela servíalles. 32 Ao luscofusco, despois da posta do sol, trouxéronlle todos os que estaban doentes e os posuídos. 33 E toda a cidade amoreábase á porta. 34 E sandou a moitos que adoecían de diversas enfermidades, e expulsou moitos demos; e non deixaba falar os demos, porque eles sabían quen era El. 35 Erguéndose moi cedo, estando aínda escuro, saíu, e foi a un lugar arredado, e alí oraba. 36 E Simón e os seus compañeiros saíron a buscalo; 37 atopárono e dixéronlle: -Andan todos á túa procura. 38 E El díxolles: -Imos a outro lugar, ás vilas veciñas, para que predique tamén alí, porque para isto saín. 39 E foi por toda a Galilea, predicando nas súas sinagogas e expulsando os demos. 40 E veu a El un gafo rogándolle, e axeonllándose díxolle: se queres, podes limparme. 41 Movido pola compaixón, estendendo Xesús a man, tocouno, e díxolle: -Quero, sé limpo! 42 E ao instante a lepra deixouno e quedou limpo. 43 Despediuno deseguida, despois de advertirlo dun xeito severo: 44 -mira, non digas nada a ninguén, senón vai, amósate ao sacerdote e ofrece pola túa limpeza o que Moisés ordenou, para testemuño a eles. 45 Pero el, saíndo, comezou a pregoalo abertamente e a divulgar o asunto, a tal punto que Xesús xa non podía entrar publicamente en ningunha cidade, senón que quedaba fóra en lugares despoboados; e viñan a El de todas as partes.
1 Entrando de novo en Cafarnaúm varios días despois, oíuse que estaba na casa. 2 E reuníronse moitos, tanto que xa non había lugar nin aínda á porta; e El faláballes a palabra. 3 Entón trouxéronlle un paralítico levado entre catro. 4 E como non puideron achegarse a El por mor da multitude, levantaron o teito enriba de onde El estaba; e cando fixeron un furado, baixaron a padiola na que xacía o paralítico. 5 Vendo Xesús a fe deles, dixo ao paralítico: -Fillo, os teus pecados sonche perdoados. 6 Pero estaban alí sentados algúns dos escribas, que pensaban nos seus corazóns: 7 -Por que fala este así? Está blasfemando; quen pode perdoar pecados, senón só Deus? 8 E ao instante Xesús, coñecendo no seu espírito que pensaban dese xeito dentro de si mesmos, díxolles: por que pensades estas cousas nos vosos corazóns? 9 Que é máis doado, dicir ao paralítico: -Os teus pecados sonche perdoados, ou dicirlle: -Érguete, colle a túa padiola e anda? 10 Pois para que saibades que o Fillo do Home ten autoridade na terra para perdoar pecados: 11 -Dígoche a ti: -Érguete, colle a túa padiola e vai a túa casa! 12 E el ergueuse, e collendo ao instante a padiola, saíu a vista de todos, de maneira que todos estaban abraiados, e glorificaban a Deus, dicindo: -Endexamais vimos cousa semellante. 13 E El saíu de novo á beira do mar, e toda a multitude viña a El, e ensináballes. 14 E ao pasar, viu a Leví, fillo de Alfeo, sentado na oficina dos tributos, e díxolle: -Sígueme. E erguéndose, seguiuno. 15 E aconteceu que estando Xesús sentado á mesa na casa de Leví, moitos recadadores de impostos e pecadores estaban a comer con Xesús e os seus discípulos; porque había moitos deles que lle seguían. 16 Ao ver os escríbas dos fariseos que El comía con pecadores e recadadores de impostos, dicían aos seus discípulos: por que El come e bebe con recadadores de impostos e pecadores? 17 Ao oír isto, Xesús díxolles: -Os que están sans non teñen necesidade de médico, senón os que están doentes; non vin chamar a xustos, senón a pecadores. 18 Os discípulos de Xoán e os fariseos estaban a xaxuar; e viñeron e dixéronlle: -Por que xaxúan os discípulos de Xoán e os discípulos dos fariseos, pero os teus discípulos non xaxúan? 19 E Xesús díxolles: -Seica poden xaxuar os acompañantes do noivo mentres o noivo está con eles? Mentres teñen o noivo con eles, non poden xaxuar. 20 Pero virán días cando o noivo lles será quitado, e entón xaxuarán naquel día. 21 Ninguén pon un remendo de tea nova nun vestido vello, porque entón o remendo ao encollerse tira del, o novo do vello, e fai unha rachadura peor. 22 E ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque entón o viño romperá o pelello, e pérdese o viño e tamén os pelellos; senón que o viño novo bótase en pelellos novos. 23 E aconteceu que un día de repouso Xesús pasaba polo labradío, e os seus discípulos, mentres se abrían paso, comezaron a arrincar espigas. 24 Entón os fariseos dicíanlle: -Mira, por que fan o que non é lícito no día de repouso? 25 E El díxolles: nunca lestes o que David fixo cando tivo necesidade e sentiu fame, el e os seus compañeiros, 26 como entrou na casa de Deus en tempos de Abiatar, o sumo sacerdote, e comeu os pans consagrados, que non é lícito a ninguén comer, senón aos sacerdotes, e deu tamén aos que estaban con el? 27 E El dicíalles: -O día de repouso fíxose para a xente, e non a xente para o día de repouso. 28 Daquela, o Fillo do Home é Señor aínda do día de repouso.
1 El entrou de novo na sinagoga, e alí estaba un home coa man seca. 2 Algúns observárono atentamente a ver se El o curaba no sábado de maneira que eles puideran acusalo. 3 Xesús díxolle ao home da man seca: -Érguete e párate aquí no medio de todos. 4 Entón díxolle á xente: -É lexítimo no sábado facer o ben ou facer o mal, salvar unha vida ou matar? Eles estaban calados. 5 El mirándoos arredor anoxado, atribulado, pola dureza dos seus corazóns, díxolle ao home: -Estira a tua man. El estirouna e Xesús sandoulle a man. 6 Os fariseos saíron e decontado comezaron a conspirar cos herodianos, contra El para darlle morte. 7 Entón Xesús retirouse cos seus discípulos ao mar. E seguiuno unha gran multitude de xente de Galilea e Xudea, 8 dende Xerusalém, Idumea e máis aló do Xordán e arredor de Tiro e Sidón. Escoitando a grande multitude todo o que El estaba a facer achegouse onda El. 9 E díxolles aos seus discípulos que lle tiveran un bote preparado por mor da multitude, para que non o esmagaran; 10 porque sandara a moitos, de xeito que cantos tiñan pragas botábanselle enriba para tocalo. 11 E sempre que o vían os espíritos inmundos, caían diante del, e berraban, dicindo: -Ti es o Fillo de Deus. 12 Pero El reprendíaos para que non o deran a coñecer. 13 E subiu ao monte, e chamou a quen El quería, e eles viñeron a El. 14 E nomeou a doce, para que estiveran con El e para mandalos a predicar, 15 e para teren a autoridade de botar os demos fóra. 16 El nomeou os doce: -Simón a quen lle deu o nome de Pedro; 17 Xacobe, fillo do Zebedeo, e Xoán irmán de Xacobe, a quen lles deu o nome de Boanerxes, isto é, fillos do trono; 18 Andrés, Filipe, Bartolomé, Mateo, Tomás, Xacobe, fillo de Alfeo, Tadeo, Simón o Zelote, 19 e Xudas Iscariote, quen tamén o entregou. 20 E entrou nunha casa e a multitude xuntouse de novo, tanto que nin sequera podían comer pan. 21 Ao escoitalo os que estaban a carón del, saíron para facerse cargo del, pois dicían: -Está fóra de si. 22 E os escribas que baixaran de Xerusalém dicían: -El está posuído por Belcebú, e é polo príncipe dos demos que bota fóra aos demos. 23 E chamándoos xunto a El, faláballes en parábolas: -Como pode Satanás botar fóra a Satanás? 24 E se un reino esta dividido contra si mesmo, ese reino non pode permanecer. 25 E se unha casa está dividida contra si mesma, esa casa non poderá perdurar. 26 E se Satanás se ergue contra si mesmo e está dividido, non é quen de sosterse en pé, senón que chegou á súa fin. 27 Pero ninguén pode entrar na casa do forte e saquear os seus bens, a non ser que ate ao forte primeiro, daquela poderá saquear a súa casa. 28 Dígovos en verdade, que tódolos pecados e as blasfemas coas que blasfemen seranlles perdoados aos fillos dos homes, 29 pero o que flasfeme contra o Espírito Santo xamais terá perdón, senón que é culpable dun pecado eterno. 30 Porque eles estaban a dicir que El tiña un espírito inmundo. 31 Entón chegaron súa nai e os seus irmáns e deténdose fóra mandárono chamar. 32 E unha multitude sentada arredor del, díxolle: -Velaquí, túa nai e teus irmáns están fóra e procúrante. 33 Respondendo El dixo: -Quen é miña nai e meus irmáns? 34 E observando aos que estaban sentados en círculo arredor del, dixo: -Velaí miña nai e meus irmáns. 35 Pois calquera que faga a vontade de Deus, esa persoa é meu irmán, miña irmá e miña nai.
1 Comezou a ensinar de novo a carón do mar; e xuntouse arredor del unha multitude tan grande que tivo que subirse a un bote que estaba no mar, e sentou, e toda a multitude estaba en terra na ribeira. 2 Ensináballes moitas cousas en parábolas; e dicíalles na súa ensinanza: 3 -Escoitade! o sementador saíu sementar, 4 e aconteceu mentres sementaba, que parte da semente caeu xunto o camiño, e viñeron os paxaros e comérona. 5 Outra caeu nas pedras onde non había terreo, e non tendo profundidade dabondo, brotou deseguida. 6 Pero cando saíu o sol, queimouse e ao non ter raíz, secou. 7 Outra parte caeu no medio de espiños. Os espiños creceron e afogaron a semente e non deu froito. 8 Pero outras caeron en terra boa, e daban froito que medraba e se acrecentaba; e producían: unha a trinta, outra a sesenta e outra a cento por un. 9 E El dicía: -O que teña oídos para oír, escoite. 10 Cando quedou só cos que o seguían e mailos doce, preguntábanlle sobre as parábolas. 11 E El dicíalles: -A vós foivos dado o misterio do reino de Deus, pero aos de fóra preséntaselles todo en parábolas; 12 para que vendo, vexan e non perciban, oíndo non comprendan, non sexa que se convertan, e lles sexa perdoado. 13 E díxolles: -Non entendedes esta parábola?¿Como habedes comprender todas as parábolas? 14 O sementador sementa a súa palabra. 15 Estes son os que están xunto o camiño onde se sementa a palabra, que tan pronto a escoitan, decontado vén Satanás e leva a palabra que se sementou neles. 16 Do mesmo xeito, os sementados en terreo pedrizo, son os que cando escoitaron a palabra deseguida a recibiron con alegría; 17 pero non teñen raíz en si mesmos, son temporais. Daquela ao chegar unha tribulación ou persecución por mor da palabra, fáiselles tropezar decontado. 18 Outros son os sementados entre espiños; 19 estos son que oíron a palabra, pero as preocupacións do mundo, e o engano das riquezas e os desexos das demais cousas entran e afogan a palabra quedando sen froito. 20 Pero os que foron sementados en bo terreo son os que escoitan a palabra e a reciben e dan froito, un a trinta, e un a sesenta, e un a cento. 21 E dicíalles: -Será que unha lámpada se trae para poñela debaixo dun cesto ou debaixo da cama? Non é para poñela no candil? 22 Pois nada está agochado, se non é para ser descuberto, nin segredo algún, que non saia á luz. 23 Se algún ten oídos para oír, que escoite. 24 Tamén lles dicía: -Coidádevos do que oídes; coa medida que medides, mediranvos, e engadiranvos. 25 Porque ao que ten, daráselle máis, e ao que non ten, aínda o que ten lle ha de ser quitado. 26 Dicía tamén: -O reino de Deus é coma un home que sementou a semente na terra, 27 e déitase e érguese, e polo día e pola noite, a semente nace e medra; o como, el non o sabe. 28 A terra produce froito por si mesma, primeiro a folla, logo a espiga, logo o gran maduro na espiga. 29 E cando o froito o permite, deseguida mete a fouce porque chegou a colleita. 30 Tamén dicía: -Con que se pode comparar o reino de Deus e con que parábola o explicaremos? 31 É coma un gran de mostaza, que cando se sementa na terra é o máis pequeno de todas as sementes da terra. 32 Porén, cando se sementa medra e chega a ser meirande ca tódalas hortalizas, e bota pólas tan grandes que as aves do ceo poden facer os seus niños baixo a súa sombra. 33 Faláballes a palabra con moitas destas parábolas, segundo podían comprendela. 34 El non lles falaba sen parábolas, pero en privado explicáballelo todo aos seus propios discípulos. 35 Ese día, á tardiña, díxolles: -Pasemos ao outro lado. 36 E despedida a multitude, levárono no bote no que estaba, e había outros botes con El. 37 Pero levantouse unha gran treboada e as ondas rompían dentro do bote, anegándose. 38 El estaba na popa, durmindo nun cabeceiro; daquela espertárono dicíndolle: -Mestre, non che importa que esteamos a piques de morrer? 39 e El erguéndose, reprendeu o vento, e dixo ao mar: -Cálmate, soségate! E o vento parou e houbo unha grande calma. 40 Entón díxolles: -Por que tedes medo? Aínda non credes? 41 E enchéronse de temor e dicían entre eles: -Quen é este, que mesmo o vento e mailo mar o obedecen?
1 E chegaron ao outro lado do mar, á terra dos gadarenos. 2 E tal como Xesús desembarcou, veu canda El, de entre as tumbas, un home posuído dun espírito inmundo, 3 que vivía entre as sepulturas; e non había quen de atalo, nin con cadeas; 4 amarrárano moitas veces con esposas e cadeas, pero el rompera as cadeas e esnaquizara os grillóns. Ningúen era forte dabondo para dominalo. 5 E sempre, noite e día, andaba entre os túmulos e nos montes berrando e mancándose coas pedras. 6 Cando viu a Xesús de lonxe, correu e axeonllouse diante del; 7 e berrando a grande voz, dixo: -Que teño que ver eu contigo Xesús , Fillo do Deus Altísimo? Rógoche non me atormentes. 8 Porque Xesús dicíalle: -Sae do home, espírito inmundo. 9 E preguntoulle: -Que nome tes? 10 E el díxolle: -O meu nome é Lexión, porque somos moitos. Entón rogáballe moito que non o mandara fóra daquela rexión. 11 E había alí unha manda grande de porcos pacendo xunto o monte. 12 E os demos rogáronlle dicindo: -Mándanos cos porcos e déixanos entrar neles. 13 E El permitíullelo, e saíndo os espíritos inmundos, entraron nos porcos; e a manda, precipitouse monte abaixo cara o mar, e alí afogaron como dous mil. 14 E os que coidaban dos porcos fuxiron e dérono a saber na cidade e nos campos. E moitas persoas foron ver o que sucedera. 15 E achegáronse a Xesús, e viron o home que fora posuído polos demos, quen tiña unha lexión, sentado, vestido e no seu xuízo san; e tiveron medo. 16 E os que o viran describíronlles o que acontecera co endemoñado, e o dos porcos. 17 E comezaron a rogarlle que saíra da súa contorna. 18 E ao subir ao bote, o que estivera endemoñado, rogáballe que o deixase ir canda El. 19 Pero Xesús non llo permitiu, senón que lle dixo: -Vai á túa casa e aos teus, e dilles as grandes cousas que o Señor fixo por ti, e a misericordia que tivo para contigo. 20 E el foi, e comezou a proclamar en Decápolis as grandes cousas que Xesús fixera por el, e todos quedaban abraiados. 21 Cando Xesús pasou outra vez no bote ao outro lado, xuntouse unha grande multitude arredor del; e El ficou xunto ao mar. 22 E achegouse un dos principais da sinagoga, chamado Xairo, e ao ver a Xesús, caeu aos seus pés. 23 E rogáballe deseguido dicindo: -A miña filla pequena está a morrer. Pídoche que veñas e poñas as mans sobre ela para que sande e viva. 24 Xesús foi con el e seguíao unha gran multitude que o esmagaba. 25 E unha muller que tiña fluxo de sangue había doce anos, 26 e levaba moito sufrido a mans de moitos médicos e gastara todo o que tiña, sen proveito algún, mesmo empeorando; 27 cando escoitou falar de Xesús, achegóuselle por detrás entre a multitude, e tocou o seu manto. 28 Porque dicía: -Se tan só toco as súas roupas, sandarei. 29 E no momento a fonte de sangue secou, e sentiu no seu corpo que estaba curada da súa aflición. 30 De contado Xesús, decatándose de que saíra poder del, virándose entre a xente, dixo: -Quen tocou a miña roupa? 31 Seus discípulos dixéronlle: -Ollas a multitude que te apreta arredor, e dis: -Quen me tocou? 32 Pero El miraba arredor para ver á que lle fixera isto. 33 Entón a muller, temerosa e tremendo, decatándose do que acontecera, veu e botouse diante del, e díxolle toda a verdade. 34 E Xesús díxolle: -Filla, a túa fe sandoute; vai en paz e queda sa da túa enfermidade. 35 Mentres aínda falaba, viñeron da casa do principal da sinagoga, dicindo: -A túa filla morreu, para que estás a molestar o Mestre? 36 Pero Xesús, escoitando o que se falaba, díxolle ao principal da sinagoga: -Non teñas medo, só sigue crendo. 37 E non permitiu que ninguén o acompañase agás Pedro, Xacobe e Xoán, o irmán de Xacobe. 38 Foron á casa do principal da sinagoga e Xesús viu o balbordo que había, e aos que choraban e lamentaban. 39 E entrando na casa díxolles: -Por que vos alborotades e estades a chorar? A nena non morreu, senón que dorme. 40 Eles ríronse del. Pero El, botando a todos fóra, colleu con El ao pai e á nai da nena e aos que estaban con El, e entraron onde estaba a nena. 41 E collendo a man da nena, díxolle: -Talita cumi, que quere dicir, nena, a ti dígoche, érguete! 42 Decontado a nena ergueuse e camiñou (pois tiña doce anos de idade). E marabilláronse asombrados. 43 Entón deulles ordes rigorosas de que ninguén soubera disto; e dixo que lle deran o xantar á nena.
1 E marchou de alí e chegou á súa terra; e seus discípulos seguírono. 2 Cando chegou o sábado comezou a ensinar na sinagoga e moitos que o escoitaban marabillábanse, dicindo: de onde saca estas cousas, e que é esta sabedoría que lle foi dada, e que son eses milagres que fai coas mans? 3 Non é este o carpinteiro, o fillo de María, e irmán de Xacobe, Xosé, Xudas e Simón? Non están as súas irmás aquí connosco. E escandalizábanse por mor del. 4 E Xesús díxolles:-Non hai profeta sen honra agás na súa propia terra, e entre os seus, e na súa casa. 5 E non puido facer alí ningunha obra poderosa, só sandou uns poucos doentes impoñéndolles as súas mans. 6 E estaba marabillado da incredulidade deles. E percorría as aldeas arredor ensinando. 7 Entón chamou aos doce e comenzou a envialos de dous en dous; dándolles autoridade sobre os espíritos inmundos; 8 e ordenoulles que non levaran nada para o camiño, só un bordón; nin pan, nin alforxa, nin cartos no cinto; 9 senón calzados con sandalias. Non levedes dúas túnicas 10 -díxolles- e onde sexa que entredes nunha casa, quedade alí mentres non saiades da poboación. 11 E aló onde entredes que non vos reciban, nin vos escoiten, ao saír de alí, sacudide o pó da pranta dos vosos pés en testemuño contra deles. 12 E saíndo, predicaban que se arrepentiran, 13 e botaban fóra moitos demos e unxían con aceite a moitos enfermos e sandábanos. 14 O rei Herodes escoitou isto, pois o nome de Xesús fíxose moi coñecido, e a xente dicía: Xoán o Bautista, resucitou de entre os mortos, é por iso que estes poderes milagreiros actúan nel. Outros dicían: é Elías. 15 E outros dicían: é un profeta, coma un dos profetas antigos. 16 Escoitando isto Herodes, dicía: Xoán, a quen eu descabecei, resucitou. 17 Pois o mesmo Herodes mandara prender a Xoán e o encadeara no cárcere por mor de Herodías, muller do seu irmán Filipe, pois Herodes casara con ela. 18 Porque Xoán dicíalle a Herodes: non che está permitido ter a muller do teu irmán. 19 E Herodías tíñalle rancor e quería matalo, pero non podía, 20 porque Herodes tiña medo de Xoán, sabendo que era un home xusto e santo e mantíñao protexido. E cando o escoitaba quedaba moi perplexo, pero, con todo, gustáballe escoitalo. 21 E chegando o día oportuno, cando Herodes cumpría anos, ofreceu un convite para os oficiais e seus comandantes e principais de Galilea; 22 e entrou a mesma filla de Herodías e bailando compraceu a Herodes e aos convidados á mesa; e díxolle o rei á rapaza: -Pídeme o que queiras, e dareicho! 23 E xuroulle:-Dareiche o que me pidas, mesmo a metade do meu reino! Ela saíu e díxolle á nai: -Que podo pedirlle? 24 E ela respondeulle:-A cabeza de Xoán o Bautista. 25 Decontado ela presentouse axiña diante do rei e pediulle, dicindo:-Dáme agora mesmo a cabeza de Xoán o Bautista nun prato. 26 E o rei entristeceu, pero por mor dos xuramentos e dos que sentaban á mesa con el, non quixo desoíla. 27 Decontado o rei enviou un verdugo e ordenoulle que trouxera a cabeza de Xoán. E el foi e descabezouno no cárcere, 28 e trouxo a cabeza de Xoán nun prato e deulla á moza, e a moza deulla a súa nai. 29 Cando os seus discípulos escoitaron isto, foron e levaron o corpo e déronlle sepultura. 30 Os apóstolos reuníronse con Xesús, e contáronlle todo o que fixeran e ensinaran. 31 El díxolles: -Vinde, afastádevos dos demais a un lugar solitario e descansade un pouco. (Pois había moitos que ían e viñan e eles non tiñan tempo nin de comer). 32 E foron no bote a un lugar afastado e solitario. 33 Pero a xente ao velos marchar, recoñeceunos. E, a pé, concorreron aló dende todas as vilas, chegando antes ca eles. 34 Ao desembarcaren, El viu unha grande multitude, e tivo compaixón deles, porque eran coma ovellas sen pastor; e comezou a ensinarlles moitas cousas. 35 E sendo xa moi tarde, os seus discípulos viñeron onda El e dixéronlle: -O lugar é deserto e é moi tarde; 36 despídeos para que vaian aos campos e aldeas arredor e merquen algo de comer. 37 Pero respondendo El, díxolles: -Dádelles vós de comer. E eles dixéronlle: -Queres que vaiamos e merquemos douscentos denarios de pan e lles deamos de comer? 38 El díxolles: -Cantos pans tedes? Ide mirar. Cando o souberon, dixeron: -Cinco, e dous peixes. 39 E mandoulles que todos sentaran por grupos na herba verde. 40 E sentaron por grupos de a cen e cincuenta. 41 Mentres, El colleu os cinco pans e os dous peixes, e mirando cara o ceo bendiciunos, e partiu os pans e déullelos aos discípulos para que os puxeran diante deles. Tamén repartiu os dous peixes entre todos. 42 Todos comeron e fartaron. 43 E recolleron doce canastros cheos dos anacos, e tamén dos peixes. 44 Os que comeron os pans eran cinco mil homes. 45 Decontado fixo que os seus discípulos subiran ao bote e fosen diante del ao outro lado, a Betsaida, mentres El despedía a multitude. 46 Logo de despedirse deles, foi ao monte a orar. 47 Ao luscofusco, o bote estaba no medio do mar, e El estaba só en terra. 48 E ao velos vogar amolados, porque o vento lles era contrario, como á cuarta vixilia da noite, foi cara eles camiñando por riba do mar e fixo coma quen de pasarlles diante. 49 Pero cando eles o viron camiñar polo mar, pensaron que era unha pantasma e berraron; 50 porque todos o viron e estaban espantados. Pero decontado El falou con eles e díxolles: -Tede ánimo; son Eu, non temades! 51 E subiu ao bote con eles, e o vento acalmouse, e eles estaban moi asombrados, 52 pois non entenderan o dos pans, senón que o seu corazón estaba endurecido. 53 Rematada a travesía, chegaron a terra en Xenesaret e atracaron. 54 Ao saíren do bote, decontado a xente recoñeceu a Xesús, 55 e percorreron axiña toda aquela comarca, e comezaron a traer os enfermos nas padiolas onde oían que El estaba. 56 Onde queira que El entraba nas aldeas, vilas ou campos, poñían os enfermos nas prazas, e rogábanlle que lles permitira soamente tocar o bordo do seu manto, e todos os que o tocaban quedaban sans.
1 Os fariseos, e algúns dos escribas que viñeran de Xerusalém reuníronse arredor del; 3 e viron que algún dos seus discípulos, comían o pan con mans inmundas, é dicir, sen lavar. 2 (Porque os fariseos e todos os xudeus non comen non sendo que laven as mans coidadosamente, gardando así a tradición dos anciáns; 4 e cando tornan da praza, non comen a non ser que se laven; e hai moitas outras cousas que recibiron para gardalas, como o lavamento das copas, dos xarros e dos pratos de cobre). 5 Entón os fariseos e os escribas preguntáronlle: -Por que os teus discípulos non andan conforme a tradición dos anciáns, senón que comen con mans inmundas? 6 E El díxolles: -Ben profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está escrito este pobo, está a honrarme da boca para fóra, pero o seu corazón está lonxe de min. 7 E en balde me adoran, ensinando como doutrinas, mandatos humanos. 8 Deixando o mandamento de Deus, vos aferrades ás tradicións humanas. 9 Tamén lles dicía: -Ben que facedes a un lado o mandamento de Deus, para gardardes a vosa tradición. 10 Porque Moisés dixo: "Honra a teu pai e a tua nai"; e: "O que maldiga ao seu pai ou á súa nai, morra"; 11 Pero vós dicides: -Se unha persoa lle di ao pai ou á nai: -Calquera cousa coa que te puideras beneficiar de min é Corbán (é dicir, unha ofrenda); 12 xa non o deixades facer nada en favor do seu pai ou da súa nai; 13 anulando a palabra de Deus coa vosa tradición que transmitides, e facedes moitas cousas semellantes a estas. 14 E chamando outra vez á multitude dicíalles: -Escoitádeme todos e entendede: 15 non hai nada fóra das persoas que ao entrar nelas poida contaminalas, senón que é o que sae de adentro das persoas o que as contamina. 16 Se algún ten oídos para oír, que escoite. 17 E deixando a multitude entrou na casa, e os seus discípulos preguntáronlle sobre a parábola. 18 El dixolles: -Tamén vós sodes faltos de entendemento? Non comprendedes que todo o que entra de fóra nun ser humán non o pode contaminar? 19 Porque non lle entra no seu corazón, senón no seu ventre e elimínase? (dixo isto declarando puros todos os alimentos). 20 E dicía: -O que sae do home iso é o que contamina ao home. 21 Pois de dentro do corazón das persoas saen os malos pensamentos, fornicacións, roubos, asasinatos, 22 adulterios, cobizas, maldades, enganos, desenfreos, envexa, malas palabras, fachenda, insensatez. 23 Todas estas maldades saen de dentro e contaminan ás persoas. 24 Levantouse e foi á rexión de Tiro e entrando nunha casa, non quería que ninguén o soubera, pero non puido agocharse. 25 de seguido unha muller que tiña unha filla cun espírito inmundo, ouviu o que dicían del, e foi e prostrouse aos seus pés . 26 A muller era grega, sirofenicia de nacemento, e rogáballe que botara o demo fóra da súa filla. 27 Pero El díxolle: -Deixa que se farten primeiro os fillos, pois non esta ben coller o pan dos fillos e botarllo aos canciños. 28 Ela respondeulle: -Señor pero aínda os canciños comen debaixo da mesa das faragullas que deixan os fillos. 29 E El díxolle: -Pola túa resposta, marcha. O demo saíu da túa filla. 30 Cando ela volveu á súa casa, atopou que a meniña estaba deitada na cama e o demo xa saíra. 31 Volvendo a saír da rexión de Tiro, pasou por Sidón e chegou ao mar de Galilea atravesando a rexión de Decápolis. 32 E trouxéronlle a un que era xordo e tatexo rogándolle que puxera a man sobre el. 33 Entón Xesús apartouno da multitude e meteulle os dedos nas orellas, e tocándolle a lingua co seu cuspe, 34 e ollando cara o ceo suspirou e dixo: -Effatá!, isto e, ábrete! 35 E de súpeto abríronselle os oídos e soltouse a atadura da lingua, e falaba con claridade. 36 E ordenoulles que non llo dixeran a ninguén, pero canto máis llelo dicía, eles máis o pregoaban. 37 E asombrábanse moito dicindo: -Fíxoo todo ben! Fai ouvir aos xordos; e aos mudos falar!
1 Naqueles días, houbo de novo unha grande multitude que non tíña que comer, Xesús chamou a seus discípulos e díxolles: 2 -Teño compaixión desta xente, porque levan xa tres días comigo e non teñen que comer; 3 e se os despido sen comer ás súas casas desmaiaranse no camiño, pois algúns viñeron de lonxe. 4 Os discípulos respondéronlle: -Onde poderá alguén atopar o suficiente, para fartar de pan a estes aquí no deserto? 5 El preguntoulles:-Cantos pans tedes? Eles responderon:-Sete. 6 Entón mandou á multitude recostarse no chan e collendo os sete pans, despois de dar grazas, partiunos e ía dándollos aos discípulos para que os repartiran, e eles llos deron á multitude. 7 Tamén tiñan uns poucos peixiños e despois de bendicilos, mandou que tamén os repartiran. 8 Todos comeron e fartaron e recolleron do que sobrou dos anacos, sete canastros. 9 Os que comeron eran como uns catro mil, e despediunos. 10 E subindo deseguido no bote, cos seus discípulos, foi á rexión de Dalmanuta. 11 Entón saíron os fariseos e comezaron a discutir con El, pedíndolle un sinal do ceo para poñelo a proba. 12 E suspirando profundamente no seu espírito, díxolles: -Por que pide sinal esta xeración? Asegúrovos que non se lle dará ningún sinal a esta xeración. 13 E deixándoos, embarcouse de novo e foi á outra ribeira. 14 E esqueceran traer pan con eles; e non tiñan máis ca un pan no bote. 15 E El mandoulles dicindo: -Mirade! Gardádevos do fermento dos fariseos e do fermento de Herodes. 16 E discutían entre si que non tiñan pans. 17 Decatándose Xesús, díxolles: -Por que discutides que non tedes pan? Aínda non comprendedes nin entendedes? Tedes o corazón endurecido? 18 Tendo ollos, non vedes? Tendo oídos, non ouvides? Non lembrades 19 cando partín os cinco pans entre os cinco mil? Cantos canastos cheos de anacos recollestes? Eles dixeron:-Doce. 21 "E cando partín os sete pans entre os catro mil, cantos canastos cheos de anacos recollestes? Eles dixeron:-Sete. 20 E díxolles:-Aínda non entendedes? 22 Chegaron a Betsaida, e trouxéronlle a un cego e pedíronlle que o tocara. 23 Collendo da man ao cego, sacouno fóra da aldea; e logo de cuspirlle nos ollos e de poñerlle as mans, preguntoulle:-Ves algo? 24 E levantando a vista, dixo:-Vexo as persoas, pero estounos a ver coma árbores que camiñan. 25 Daquela Xesús, puxo outra vez as mans sobre os seus ollos, e el mirou fixamente e foi restaurado; e de lonxe vía todo con claridade. 26 E mandouno á súa casa dicíndolle:-Non entres na aldea. 27 Saíu Xesús cos seus discípulos ás aldeas de Cesarea de Filipo; e no camiño preguntoulle aos seus discípulos, dicindo:-Quen di a xente que son Eu? 28 E respondéronlle:-Uns Xoán o Bautista; e outros, Elías; pero outros, un dos profetas. 29 El preguntoulles de novo:-Pero vós, quen dicides que son Eu? Respondendo Pedro, díxolle: -Ti es o Mesías! 30 E El ordenoulles que non falaran del a ninguén. 31 E comezou a ensinarlles que o Fillo do Home debía sufrir moitas cousas, e ser rexeitado polos anciáns, os principais sacerdotes e os escribas, e ser morto, e despois de tres días resucitar. 32 E dicíalles estas palabras claramente. E Pedro, levándoo aparte, tentou corrixilo. 33 Pero El volvéndose e mirando os seus discípulos, reprendeu a Pedro e díxolle:-Arreda de min Satanás! Porque non estás a pensar nas cousas de Deus, senón nas da xente. 34 E chamando á multitude e aos seus discípulos díxolles:-Se alguén quere seguir tras de min, néguese a si mesmo, colla a súa cruz e sígame, 35 porque o que queira salvar a súa vida, perderáa, pero calquera que perda a súa vida por mor de min e do evanxeo, ha salvala. 36 Porque, de que lle serve á xente gañar o mundo enteiro se perde a súa alma? 37 Pois, que dará unha persoa pola súa alma? 38 Porque o que se avergoñe de min e das miñas palabras nesta xeración adúltera e pecadora, o Fillo do Home hase avergoñar del tamén cando veña na gloria do seu Pai cos santos anxos.
1 E dicíalles:-Dígovos en verdade que hai algúns dos que están aquí, que non probarán a morte ata veren o reino de Deus logo que veña con poder. 2 Seis días despois, Xesús colleu a Pedro, a Xacobe e a Xoán e levounos aparte, sós, a un monte alto, e transfigurouse diante deles. 3 E as súas roupas volvéronse resplandecentes, moi brancas, tanto que non había lavadoiro na terra que puidera embranquecelas. 4 E aparecéuselles Elías xunto con Moisés, e estaban a falar con Xesús. 5 Daquela Pedro, intervindo, dixo a Xesús: -Rabí, é bo estarmos aquí; fagamos tres cabanas, unha para Ti, outra para Moisés e outra para Elías. 6 Porque el non sabía que dicir, pois estaban aterrorizados. 7 Entón formouse unha nube cubríndoos, e saíu unha voz da nube:-Este é meu Fillo amado, a El escoitade. 8 De súpeto miraron arredor pero xa non viron a ninguén canda eles, senón só a Xesús. 9 Cando baixaban do monte ordenoulles que non contaran a ninguén o que viran ata que o Fillo do Home resucitara de entre os mortos. 10 E gardaron o asunto para si mesmos, discutindo entre eles que significaría o de resucitar de entre os mortos. 11 E preguntáronlle dicindo:-Por que din os escribas que Elías ten que vir primeiro? 12 El díxolles:-En verdade Elías vén primeiro a restaurar todas as cousas. Pero, non di a escritura que o Fillo do Home debe padecer moito e ser desprezado? 13 Pero Eu dígovos que Elías xa veu, e fixeron canto quixeron con el, segundo estaba escrito del. 14 Cando volveron onde os discípulos viron unha grande multitude que os rodeaba, e a uns escribas que discutían con eles. 15 Decontado, cando a multitude viu a Xesús, quedou sorprendida, e correndo cara El, saudábano. 16 E El preguntoulles:-Que estades a discutir con eles? 17 E un da multitude respondeulle:-Mestre, tróuxenche o meu fillo que ten un espírito mudo, 18 e sempre se apodera del, e derrúbao, e bota escumallos, e rincha os dentes, e vaise consumindo. E díxenlle aos teus discípulos que o expulsaran, pero non foron quen. 19 Respondéndolles Xesús dixo:-Ó xeración incrédula! Canto máis vos hei soportar? Traédemo! 20 E trouxéronllo. E cando o espíritu viu a Xesús decontado convulsionou no rapaz, que caendo ao chan arrolábase botando escumallos. 21 Xesús preguntoulle ao pai:-Canto tempo hai que lle pasa isto? E el respondeulle:-Dende neno. 22 E moitas veces botouno no lume e tamén na auga para destruílo. Pero se Ti podes facer algo, ten misericordia de nós e axúdanos. 23 Xesús díxolle:-Se podes? Todo é posible para o que cree! 24 De inmediato o pai do rapaz berrando, dixo:-Creo, axúdame na miña incredulidade! 25 Cando Xesús viu que se xuntaba unha grande multitude, reprendeu o espíritu inmundo, dicíndolle:-Espírito mudo e xordo, Eu ordénocho:-Sae del e non volvas entrar nel. 26 E depois de berrar e de sacudilo con terribles convulsións, saíu; e o rapaz quedou como morto, tanto que a maioría deles dicían:-Está morto! 27 Pero Xesús, colléndoo da man, ergueuno, e el parouse. 28 Cando Xesús entrou na casa, os seus discípulos preguntábanlle, en privado:-Por que nós non puidemos botalo fóra? 29 E El díxolles:-Este xénero non pode saír, senón en oración. 30 Saíndo de alí, ían pasando por Galilea, e El non quería que ninguén o soubera. 31 Porque ensinaba a seus discípulos, e dicíalles:-O Fillo do Home será entregado en mans da xente e matarano; e despois de morto, aos tres días resucitará. 32 Pero eles non entendían o que dicía e tiñan medo de lle preguntar. 33 E chegaron a Cafarnaúm; e estando xa na casa, preguntáballes:-Que estabades a discutir polo camiño? 34 Pero eles calaban, porque no camiño discutiran entre eles sobre cal deles era o maior, 35 Sentándose chamou aos doce e díxolles:-Se algún desexa ser o primeiro, ha ser o último de todos e o servidor de todos. 36 E collendo a un neno, púxoo no medio deles; e abrazándoo, dixo: 37 -O que reciba a un neno como este no meu nome, recíbeme a min; e o que me recibe a min, non me recibe a min, senón a Aquel que me enviou. 38 Xoán díxolle:-Mestre, vimos a un botando fóra demos no teu nome, e tratamos de impedírllo, porque non nos seguía. 39 Pero Xesús dixo:-Non llo impedir, porque non hai ninguén que faga un milagre no meu nome, e que axiña poida falar mal de min. 40 Pois o que non está na nosa contra, por nós está. 41 Porque calquera que vos dea a beber un vaso de auga, porque sodes do Mesías, dígovos en verdade que non perderá a súa recompensa. 42 E calquera que faga tropezar a un destes pequeniños que cren, mellor lle fora ter unha pedra de muíño grande atada ao pescozo e que o botaran ao mar. 43 Se a túa man che fai tropezar algunha vez, córtaa; éche mellor entrar na vida manco que tendo as dúas mans ir ao inferno, ao lume que nunca se apaga. 44 Onde o seu verme non morre e o lume non se apaga. 45 E se o teu pé che causa tropezo, córtao; éche mellor entrar coxo na vida, que tendo os dous pés, ser botado ao inferno. 46 Onde o seu verme non morre e o lume non se apaga. 47 E se o teu ollo causache tropezo, sácao, éche mellor entrar no reino de Deus cun só ollo, que tendo dous ollos, ser botado ao inferno, 48 onde o seu verme non morre e o lume non se apaga. 49 Pois todos serán salgados con lume. 50 O sal é bo, pero se o sal perde seu sabor, con que o sazonaredes? Tede sal en vós e estade en paz uns cos outros.
1 Saíndo de alí, Xesús marchou cara Xudea máis aló do río Xordán, e xuntábanse moreas de persoas arredor del, e unha vez máis ensináballes como de costume. 2 E achegáronse a probalo os fariseos preguntándolle se lle era lícito a un home divorciarse da súa muller. 3 E respondendo El, díxolles:-Que vos mandou Moisés? 4 Eles dixeron:-Moisés permitiu que escribira carta de divorcio e repudiala despois. 6 Pero Xesús díxolles:-Pola dureza do voso corazón foi que vos escribiu este mandamento. 5 Pero dende o principio da creación fíxoos home e muller. 7 Por conta disto o home deixará a seu pai e a súa nai, 8 e serán os dous unha soa carne, de xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. 9 Daquela, que ningunha persoa separe o que Deus colocou baixo un mesmo xugo. 10 De volta na casa, os discípulos preguntaron outra vez sobre isto. 11 E díxolles:-Calquera que repudie a súa muller, e case con outra, comete adulterio con ela; 12 e se ela repudia o seu home, e casa con outro, está a cometer adulterio. 13 E traíanlle os meniños para que os tocara, e os discípulos berráronlles. 14 Pero cando viu Xesús isto, indignouse e díxolles:-Deixade que os meniños veñan a min, e non llelo impidades, porque o reino de Deus é dos que son coma estes. 15 Asegúrovos que o que non reciba o reino de Deus como un meniño, non ha entrar nel. 16 E abrazándoos, bendicíaos, poñendo as mans sobre eles. 17 E no momento que se puxo en camiño, achegouse un a correr e axeonllándose diante del, preguntoulle:-Mestre bo, que farei para herdar a vida eterna? 18 E díxolle Xesús:-Por que me chamas bo? Ninguén é bo agás só un, Deus. 19 Ti sábelos mandamentos: "Non mates, non cometas adulterio, non roubes, non des falso testemuño, non enganes, honra a teu pai e a túa nai". 20 E el díxolle:-Mestre, veño gardando iso dende novo. 21 Xesús, mirándoo, amouno e díxolle:-Fáltache unha cousa: vai e vende todo o que tes e dállo aos pobres, e terás tesouro no ceo; e vén, sígueme. 22 Mais el, apesarado por estas palabras, marchou triste, porque tiña moitos bens. 23 Xesús, mirando arredor seu, dixo aos seus discípulos:-Que dificilmente lles será aos que teñen riquezas entrar no reino de Deus! 24 E os discípulos quedaron perplexos coas súas palabras. 25 Pero Xesús, respondendo outra vez, díxolles:-Fillos, que difícil é entrar no reino de Deus! É mais doado que un camelo pase polo ollo da agulla, que un rico entre no reino de Deus. 26 Pero eles asombráronse aínda máis, dicindo entre si:-E quen poderá salvarse? 27 Ollando para eles, Xesús dixo:-É imposible para as persoas, pero non para Deus, porque para Deus todas as cousas son posibles. 28 Daquela Pedro comezou a dicirlle:-Velaquí, nós largámolo todo e seguímoste. 29 Xesús dixo: -Dígovos en verdade, non hai ninguén que deixando casa, ou irmáns, ou irmás, ou nai, ou pai, ou fillos ou terras pola miña causa e por mor do evanxeo, 30 que non reciba cen veces máis agora neste tempo: casas, e irmáns, e irmás, e nais, e fillos, e terras xunto con persecucións; e no vindeiro século, a vida eterna. 31 Pero moitos primeiros serán últimos, e os últimos, primeiros. 32 Ían subindo camiño a Xerusalém, e Xesús diante deles; e eles estaban abraiados, e seguíano con respecto e xuntando canda El aos doce outra vez, comezou a dicirlles o que ía acontecer: 33 -Velaquí subimos a Xerusalém e o Fillo do Home ha ser entregado aos principais sacerdotes e aos escribas, e condenarano a morte e entregarano aos xentís. 34 E mofaranse del e cuspiranlle, azoutarano e matarano, pero logo de tres días resucitará. 35 E achegáronse a El Xacobe e Xoán, os fillos de Zebedeo dicíndolle:-Mestre, queremos que fagas por nós o que che pidamos. 36 E El díxolles:-Que queredes que vos faga? 37 Eles dixéronlle:-Dános que na túa gloria sentemos un á túa dereita e o outro a túa esquerda. 38 Pero Xesús díxolles:-Non sabedes o que estades a pedir. Podedes beber a copa que Eu bebo, ou ser bautizados co bautismo que Eu son bautizado? 39 E eles dixéronlle:-Podemos. E Xesús díxolles:-A copa que Eu bebo, beberedes; e seredes bautizados co bautismo co que son bautizado. 40 Pero que vos sentedes á miña dereita ou á miña esquerda, non é de meu concedelo, senón que é para quen foi preparado. 41 Ao escoitaren isto, os dez comezaron a indignarse contra Xacobe e Xoán. 42 E chamándoos onda El, díxolles Xesús:-Sabedes que os que son recoñecidos como gobernantes das nacións enseñoréanse delas, e que os seus poderosos asobállanas exercendo a autoridade sobre elas. 43 Pero non é así entre vosoutros, senón que quen desexe chegar a ser grande entre vós, será o voso servidor, 44 e o que queira ser primeiro entre vosoutros, será escravo de todos, 45 porque nin o Fillo do Home veu para ser servido, senón para servir, e dar a súa vida en rescate por moitos. 46 Daquela chegaron a Iericó. E cando saía de Iericó cos seus discípulos e unha grande multitude, un mendigo cego de nome Bartimeo, fillo de Timeo, ficaba sentado á beira do camiño. 47 E cando escoitou que era Xesús o Nazareno, comezou a berrar e a dicir:-Xesús, fillo de David, ten misericordia de min! 48 E moitos reprendíano para que calara, pero el berraba aínda máis:-Fillo de David, ten misericordia de min! 49 Detívose Xesús e dixo:-Chamádeo. E chamaron ao cego, dicíndolle:-Anímate! Érguete, está a chamar por ti. 50 Daquela el, desbotando o seu manto, púxose en pé dun brinco e foi cara Xesús. 51 Dirixíndose Xesús a el, díxolle:-Que queres que faga por ti? E díxolle o cego:-Mestre, que vexa de novo. 52 E Xesús díxolle:-Vaite, sandaches pola túa fe. E de súpeto recobrou a vista, e seguíao polo camiño.
1 E cando se achegaban a Xerusalém, por Betfagué e Betania, ao pé do monte das Oliveiras, enviou a dous dos seus discípulos, 2 e díxolles: -Ide á aldea enfronte, e tan pronto como entredes nela, atoparedes un burriño atado que ninguén montou aínda; desatádeo e traédeo. 3 E se alguén vos pregunta: por que facedes iso? Dicide: o Señor necesítao; pero mandarao deseguida de volta. 4 Eles foron e atoparon un burriño atado xunto á porta, na rúa, e desatárono. 5 E algúns dos que estaban alí dixéronlles: -Que facedes desatando o burriño? 6 Eles respondéronlles tal como Xesús lles mandou e déronlles permiso. 7 Entón trouxeron o burriño a Xesús e botaron enriba os seus mantos, e Xesús sentou nel. 8 E moitos tenderon os seus mantos no camiño e outros pólas que cortaran dos campos. 9 Os que ían diante e os que o seguían, berraban: -Hosanna! Bendito o que vén no nome do Señor; 10 Bendito o reino do noso pai David que chegou; Hosanna nas alturas! 11 Entrou en Xerusalém, e chegou ao templo, e despois de ollar todo ao seu redor, saíu para Betania cos doce, sendo xa bastante tarde. 12 Ao día seguinte, cando saíron de Betania, Xesús tivo fame. 13 E vendo de lonxe unha figueira con follas, achegouse por se puidese atopar algo nela; pero cando estaba ao pé dela, non atopou máis que follas, porque non era tempo de figos. 14 E Xesús, falando á figueira, díxolle: -Nunca xamais coma ninguén froito de ti. E os seus discípulos estaban a escoitalo. 15 Chegaron a Xerusalém; e entrando no templo comezou a botar fóra aos que vendían e compraban no templo, envorcou as mesas dos cambiadores e os postos dos que vendían as pombas; 16 e non permitía que ninguén cargase cousa algunha polo templo. 17 E ensináballes, dicindo:-Non está escrito: "A miña casa será chamada casa de oración para todas as nacións"? Pero vós convertéstela en cova de bandidos. 18 Os principais sacerdotes e escribas oíron isto e procuraban o xeito de matalo, pois tíñanlle medo, porque toda a multitude estaba admirada de como ensinaba. 19 E polo serán, adoitaban saír da cidade. 20 Ao pasaren pola mañá, viron a figueira seca dende a raíz. 21 Entón Pedro, lembrándose, díxolle: -Mestre, mira, a figueira que maldixeches secou. 22 E Xesús respondeu: -Tede fe en Deus. 23 Asegúrovos que calquera que diga a este monte: quítate de aí e bótate no mar, sen dubidar no seu corazón, senón crendo que o que di se vai cumprir, seralle concedido. 24 Por iso dígovos que todas as cousas que pidades en oración, crede que xa as recibistes, e vos serán concedidas. 25 E cando esteades a orar, perdoade se tedes algo contra alguén, para que tamén o voso Pai que está nos ceos vos perdoe as vosas faltas. 26 Pero se vós non perdoades, tampouco o voso Pai que está nos ceos perdoará as vosas faltas. 27 Chegaron de novo a Xerusalém; e mentres Xesús andaba polo templo, achegáronselle os principais sacerdotes, escribas e os anciáns, 28 e dixéronlle: -Con que autoridade fas estas cousas, ou quen che deu a autoridade para facer isto? 29 E Xesús respondeulles: -Eu tamén vos farei unha pregunta; respondédema, e logo vos direi con que autoridade fago estas cousas. 30 O bautismo de Xoán, era do ceo ou dos homes? Respondédeme. 31 E eles matinaban entre si, dicindo: -Se dicimos: do ceo, El dirá: entón, por que non lle crestes? 32 Mais, imos dicir: das persoas? Pois tiñan medo da multitude, porque todos consideraban que Xoán verdadeiramente fora un profeta. 33 E respondendo a Xesús, dixeron: -Non sabemos. E Xesús díxolles: -Tampouco Eu vos direi con que autoridade fago estas cousas.
1 Entón comezou a falarlles en parábolas: -Un home plantou unha viña e rodeouna cun valado, cavou nela un depósito debaixo do lagar e construíu unha torre. Logo arrendouna a uns labregos e foi de viaxe. 2 Ao tempo da vendima mandou un servo aos labregos para recibir deles a súa parte dos froitos da viña. 3 Pero eles, botándolle man, zorregáronlle e, mandárono coas mans baleiras. 4 De novo mandoulles outro servo, e a el ferírono na cabeza e aldraxárono. 5 Mandou a outro e matárono, e a outros moitos, mallaron neles e matáronos. 6 Aínda lle quedaba un, a quen mandar, ao seu fillo benquerido, dicindo: han respectar ao meu fillo. 7 Pero aqueles labregos dixéronse entre si: este é o herdeiro; vide, matémolo, e a herdanza será nosa! 8 E agarrárono, matárono e botárono fóra da viña. 9 Que fará, entón, o dono da viña? Virá e destruirá aos labregos, e dará a viña a outros. 10 Seica non lestes na Escritura: "A pedra que desbotaron os canteiros, en pedra angular converteuse; 11 esa foi colocada polo Señor, e é marabillosa aos nosos ollos"? 12 E procuraban prendelo, porque comprenderon que a parábola ía contra deles; pero por medo á xente deixárono e marcharon. 13 Máis tarde mandáronlle algúns dos fariseos e dos herodianos para o pillaren nalgunha palabra. 14 E cando chegaron onda el preguntáronlle: -Mestre, sabemos que es auténtico e que non procuras o favor de ninguén, porque non andas con miramentos, e ensinas o verdadeiro camiño de Deus. É lexítimo pagarlle o tributo ao César, ou non? 15 Pagámosllo ou non llo pagamos? Pero El, decatándose da súa hipocrisía, díxolles: -Por que me queredes comprometer? Traédeme un denario para velo. 16 Trouxéronllo, e El preguntóulles: -De quen é esta imaxe e a inscrición? E eles dixéronlle: -Do César. 17 Entón Xesús replicoulles: -Dádelle o César o que é do César, e a Deus o que é de Deus. E marabilláronse del. 18 Chegaron algúns saduceos (os que din que non hai resurrección), e preguntábanlle: 19 -Mestre, Moisés deixounos escrito: "Se o irmán dalgún morre e deixa muller e non deixa fillo, que o seu irmán tome a muller e levante descendencia a seu irmán". 20 Houbo sete irmáns; e o primeiro tomou esposa, e morreu sen fillos. 21 E o segundo tomouna, e morreu sen fillos tamén; e así mesmo o terceiro; 22 Ningún dos sete deixou descendencia. Para rematar morreu tamén a muller. 23 Cando resuciten, de cal deles vai ser a muller? Pois os sete casaron con ela. 24 Xesús respondeulles: -Non vos decatades de que andades descamiñados porque non comprendedes nin as Escrituras nin o poder de Deus? 25 Pois cando resuciten de entre os mortos, nin casarán nin serán dados en casamento, senón que serán coma os anxos nos ceos. 26 E volvendo ao feito de que os mortos resucitan, non lestes no libro de Moisés, na pasaxe sobre a silveira ardendo, como Deus lle falou, dicindo: "Eu son o Deus de Abraham, e o Deus de Isaac, e o Deus de Xacob"? 27 El non é Deus de mortos, senón de vivos; vós estades moi equivocados. 28 Achegouse un dos escribas que ouvira a discusión, e decatándose do ben que lles respondera, preguntoulle:-Que mandamento é o principal de todos? 29 Xesús respondeulle: -O máis importante é:"Escoita, Israel; o Señor é o noso Deus, o Señor é único; 30 e amarás ao Señor o teu Deus con todo o teu corazón, e con toda a túa alma, e con toda a túa mente, e con tódalas túas forzas". 31 O segundo é este: "Amarás o teu próximo como a ti mesmo". Non hai outro mandamento maior ca estes. 32 E o escriba replicou: -Moi ben, Mestre; estás no certo cando dis que El é un, e non hai outro ademais del; 33 e que amalo con todo o corazón e con todo o entendemento e con todas as forzas, e amar ao próximo como a un mesmo, é máis que tódolos holocaustos e os sacrificios. 34 Xesús vendo que respondera sabiamente, díxolle: -Non estás lonxe do reino de Deus. E despois diso, ninguén se aventuraba a facerlle máis preguntas. 35 E tomando a palabra, Xesús preguntoulles estando no templo: -Por que din os escribas que o Mesías é fillo de David? 36 David mesmo dixo polo Espírito Santo: "Díxolle o Señor ao meu Señor: senta á miña dereita, ata que poña os teus inimigos debaixo dos teus pés". 37 Se David mesmo o chama "Señor", en que sentido é, o seu fillo? E a numerosa multitude escoitábao con pracer. 38 E ensinándolles dicía: -Coidádevos dos escribas, a quen lles gusta pasear con vestidos fachendosos, e desexan que lles fagan reverencias nas prazas, 39 procuran os primeiros asentos nas sinagogas e os lugares de honra nos banquetes; 40 pero devoran as casas das viúvas, e polas aparencias fan longas oracións. Estes recibirán maior condenación. 41 E sentado fronte a arca do tesouro, ollaba como a multitude botaba cartos na arca do tesouro; e moitos ricos botaban grandes cantidades. 42 E nisto chegou unha viúva pobre e botou dúas pequenas moedas de cobre, ou sexa, un cuadrante. 43 Entón chamou os seus discípulos e díxolles: -Asegúrovos que esta viúva pobre botou máis que tódolos contribuíntes á arca das ofrendas; 44 pois todos eles botaron do que lles sobraba, pero ela na súa pobreza botou todo canto tiña, todo o que tiña para vivir.
1 Cando saía do templo, díxolle un dos seus discípulos: -Mestre, mira que pedras e que edificios! 2 E Xesús respondeu: -Ves estes grandes edificios? Non quedará pedra sobre pedra que non sexa derrubada. 3 E estando El sentado no monte das Oliveiras, en fronte do templo, Pedro, Xacobe, Xoán e Andrés preguntábanlle en privado: 4 -Dinos, cando acontecerá isto, e que sinal haberá de que estas cousas se han cumprir? 5 Entón Xesús comezou a dicir: -Ollade que ninguén vos engane. 6 Moitos virán dicindo no meu nome: "eu son o Mesías", e enganarán a moita xente. 7 E cando oiades de guerras e de rumores de guerras, non vos alarmedes; é preciso que todo iso aconteza, pero aínda non é o fin. 8 Ergueráse nación contra nación, e reino contra reino; e haberá terremotos en diversos lugares; e haberá fame. Isto será só o comezo de dores. 9 Pero estade alerta; porque entregaranvos aos tribunais e seredes azoutados nas sinagogas, e hanvos levar diante de gobernadores e reis pola miña causa, para testemuño a eles. 10 Pero primeiro o evanxeo debe ser anunciado a tódalas nacións. 11 E cando vos leven para vos entregaren, non andedes agoniados polo que ides dicir, senón falade o que vos sexa dado naquela hora; porque non seredes vós os que faledes, senón o Espírito Santo. 12 E o irmán entregará á morte o seu irmán, e o pai o seu fillo; e os fillos levantaranse contra os pais, e causaranlles a morte. 13 E seredes aborrecidos por todos por causa do meu nome, pero o que persevere ata o final, ese hase salvar. 14 Mais cando vexades a abominación da desolación posta onde non debe estar (o que lea, que entenda), entón os que estean en Xudea fuxan aos montes; 15 quen estea no azotea, non baixe á casa nin para coller cousa ningunha; 16 e quen estea no campo, non volva atrás a tomar o seu manto. 17 Ai das que estean embarazadas e das que estean a criar naqueles días! 18 Orade para que isto non aconteza no inverno. 19 Porque van ser días de anguria, tal como non aconteceu dende o principio do mundo que Deus creou ata o de agora, nin acontecerá xamais. 20 E se o Señor non acurtase eses días, ninguén se salvaría; pero por causa dos elixidos que El elixiu, acurtou aqueles días. 21 Se entón, algún vos di: "mirade, aquí está o Mesías", ou: "mirade, alí está", non lle creades. 22 Porque levantaranse falsos mesías e falsos profetas, e amosarán sinais e prodixios a fin de desencamiñar, se fose posible, aos elixidos. 23 Mais vós, estade atentos; vede que volo dixen todo de antemán. 24 Naqueles días, despois desa tribulación, o sol ha escurecer, a lúa deixará de alumear, 25 as estrelas caerán do ceo e as potencias que están nos ceos serán sacudidas. 26 Entón verán ao Fillo do Home que vén nas nubes con gran poder e gloria. 27 E mandará os seus anxos, e reunirá aos seus elixidos dos catro ventos, do cabo da terra ata o cabo do ceo. 28 Da figueira aprendede a parábola: cando se pon tenra a rama e bota as follas, sabedes que o verán está preto. 29 Así tamén vós, cando vexades que suceden estas cousas, sabede que El está preto, á porta. 30 En verdade, dígovos, que non pasará esta xeración ata que todo isto aconteza. 31 O ceo e maila terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán. 32 Pero en canto o día e a hora ninguén sabe, nin os anxos no ceo, nin o Fillo, senón só o Pai. 33 Estade alerta, vixiade; porque non sabedes cando chegará a hora. 34 É coma un home que se foi de viaxe, e ao saír da súa casa deulle autoridade os seus servos, encargándolle cadanseu traballo, e ordenándolle ao porteiro que estivese vixiando. 35 Vixiade, polo tanto, pois non sabedes cando chegará o señor da casa, se á tardiña, ou á medianoite, ou ao canto do galo, ou no amencer; 36 non sexa que veña de súpeto e vos atope durmindo. 37 E o que vos digo a vós, tamén llelo digo a todos: -Vixiade!
1 Faltaban dous días para a Pascua e para a festa dos pans sen fermento; e os principais sacerdotes e escribas procuraban como prenderlo con enganos e matalo; 2 pero dicían: non durante a festa, non sexa que se poida armar un rebumbio no medio do pobo. 3 E estando El en Betania, sentado á mesa na casa de Simón o gafo, veu unha muller cun frasco de alabastro de perfume de nardo puro, moi caro; e crebou o frasco e derramándoo sobre a cabeza de Xesús. 4 Algúns estaban indignados e dicíanse uns aos outros: para que se fixo este estrago de perfume? 5 Porque este perfume podía venderse por máis de trescentos denarios, e repartirlle os cartos aos pobres. E reprendíana duramente. 6 Pero Xesús dixo: -Deixádea; por que a molestades? Boa obra fixo comigo. 7 Porque os pobres téndelos sempre convosco; e cando queirades lles poderedes facer ben; pero a min non me ides ter sempre. 8 Ela fixo o que puido; adiantouse a unxir o meu corpo para a sepultura. 9 Asegúrovos que onde queira que se anuncie o evanxeo no mundo enteiro, falarase do que ela fixo, para honra dela. 10 Entón Xudas Iscariote, que era un dos doce, foi aos principais sacerdotes para lles entregar a Xesús. 11 Cando o oíron eles, alegráronse e prometeron darlle cartos. E el procuraba o momento axeitado para entregalo. 12 O primeiro día da festa dos pans sen fermento, cando se sacrificaba o cordeiro da Pascua, os seus discípulos preguntáronlle: onde queres que vaiamos e fagamos os preparativos para que comas a Pascua? 13 El mandou a dous dos seus discípulos, e díxolles: -Ide á cidade, e alí sairavos ao paso un home que leva un balde de auga; seguídeo; 14 e onde el entre, dicídelle ao dono da casa: o Mestre di: onde está a miña habitación na que poida comer a Pascua cos meus discípulos? 15 E el mostraravos un gran apousento alto, amoblado e arranxado; facede os preparativos para nós alí. 16 Saíron, pois, os discípulos e chegando á cidade, atoparon todo tal como El lles dixera; e prepararon a Pascua. 17 Á tardiña chegou El cos doce. 18 E estando reclinados á mesa comendo, Xesús dixo: -Asegúrovos que un de vós, que está a comer comigo, vaime entregar. 19 Eles comezaron a entristecerse e a dicirlle un por un: -Seica son eu? 20 E El díxolles:-É un dos doce, o que molla comigo no prato. 21 Porque o Fillo do Home vaise tal e como está escrito del. Pero, ai daquel home por quen o Fillo do Home ha ser entregado! Mais lle valera a ese home non ter nacido! 22 E mentres estaban a comer, colleu pan, e bendicíndoo partiuno, déullelo, dicindo: -Tomade, isto é o meu corpo. 23 E collendo unha copa, despois de dar grazas, déullela, e todos beberon dela. 24 E díxolles: -Isto é o meu sangue do novo pacto, derramada por moitos. 25 Asegúrovos que xa non beberei máis do froito da vide ata aquel día cando o beba de novo no reino de Deus. 26 Despois de cantar un himno, saíron para o monte das Oliveiras. 27 E Xesús díxolles: -Todos vós vos afastaredes porque escrito está: "Ferirei ao pastor, e as ovellas espallaranse". 28 Pero despois de resucitar, irei diante de vós a Galilea. 29 Entón Pedro díxolle: -Aínda que todos se afasten, con todo, eu, non o farei. 30 Xesús respondeulle: -Dígoche en verdade que ti, hoxe, esta mesma noite, antes que o galo cante dúas veces, hasme negar tres. 31 Pero Pedro porfiaba con el e repetía: -Aínda que teña que morrer contigo, non te negarei. E o mesmo dicían todos. 32 E chegaron a un lugar chamado Xetsemaní, e díxolles aos seus discípulos: -Sentade aquí que Eu vou a orar. 33 E levando consigo a Pedro, a Xacobe e a Xoán e comezou a aflixirse e a agoniarse moito. 34 E díxolles:-Unha tristura de morte está sobre a miña alma; quedade aquí e vixiade! 35 Adiantándose un pouco, prostrouse no chan orando para que, se fose posible, pasase del aquela hora. 36 E dicía: -Abba, Pai! Para ti tódalas cousas son posibles; arreda de min esta copa, pero non se faga o que Eu quero, senón o que queres ti. 37 Entón veu onda eles e atopounos durmindo, e díxolle a Pedro: -Simón, dormes? Seica non puideches velar nin tan sequera unha hora? 38 Estade atentos e orade para que non entredes en tentación; o espírito está disposto, pero a carne é débil. 39 Foise outra vez e orou, dicindo as mesmas palabras. 40 E veu de novo e achounos durmindo, porque caíanlle os ollos co sono; e non sabían que responderlle. 41 Veu por terceira vez, e díxolles: -Aínda estades a durmir e descansando? Xa abonda; chegou a hora; veña! o Fillo do Home é entregado en mans dos pecadores. 42 Erguédevos, mirade, está preto o que me entrega. 43 Nese momento, estando aínda a falar, chegou Xudas, un dos doce, acompañado dunha multitude con espadas e paus, mandadas polos principais sacerdotes, escribas e anciáns. 44 E o que o traizoou déralles un sinal, dicindo: -O que eu bique, ese é; prendédeo e levádeo con seguridade. 45 E así que chegou, acercouse a El dicindo: -Mestre! E bicouno varias veces. 46 Entón eles botáronlle man e prendérono. 47 Pero un dos que estaban alí, sacando a espada, feriu o servo do sumo sacerdote rabanándolle unha orella. 48 E dirixíndose Xesús a eles, díxolles: -Saístes con espadas e paus para prenderme coma se fose un bandido? 49 Cada día estaba convosco no templo ensinando, e non me prendestes; pero isto sucedeu para que se cumpran as Escrituras. 50 E todos fuxiron abandonándoo. 51 Certo mozo seguíao, envolto cunha saba sobre o seu corpo; e prendérono; 52 pero el, deixando a saba, fuxiu espido. 53 E levaron a Xesús ao sumo sacerdote; e xuntáronse todos os principais sacerdotes, os anciáns e os escribas. 54 Pedro seguiuno de lonxe ata dentro do patio do sumo sacerdote; e sentouse alí cos alguacís, quentándose ao lume. 55 E os principais sacerdotes e todo o concilio, procuraban algunha testemuña contra Xesús para darlle morte, pero non a atopaban. 56 Porque moitos daban falso testemuño contra El, e os seus testemuños non coincidían. 57 E algúns, levantándose, daban falso testemuño contra El, dicindo: 58 -Nós oímolo dicir: -Eu destruirei este templo feito por mans, e en tres días edificarei outro non feito por mans. 59 Pero nin aínda así coincidía o testemuño deles. 60 Entón erguéndose o sumo sacerdote, púxose en medio e preguntou a Xesús, dicindo: -Non respondes nada? Que é o que testemuñan contra ti? 61 Mais El calaba e nada respondía. Volveu preguntar o sumo sacerdote, dicíndolle:-Es ti o Mesías, o Fillo do Bendito? 62 Xesús dixo: -Eu son; e veredes ao Fillo do Home sentado á dereita do Poder e vindo entre as nubes do ceo. 63 Daquela o sumo sacerdote, rachando as súas roupas, dixo: -Que necesidade temos de máis testemuñas? 64 Oístes a blasfemia, que vos parece? E todos o declararon culpable, dicindo que merecía a morte. 65 E comezaron algúns a cuspirlle, a taparlle a cara e a darlle labazadas, e a dicirlle: Profetiza! E os alguacís tamén mallaban nel. 66 Estando Pedro abaixo no patio, chegou unha das criadas do sumo sacerdote, 67 e ao ver a Pedro quentándose, mirouno e dixo: ti tamén andabas con Xesús o Nazareno. 68 Pero el negouno, dicindo: -Nin sei, nin entendo de que falas. E saíu ao portal, e cantou o galo. 69 Cando o volveu ver a criada outra vez, comezou a dicir aos que estaban alí: -Este évos un deles. 70 Pero el negouno outra vez. E pouco despois os que estaban alí volveron dicirlle a Pedro: -Seguro que ti es un deles, pois tamén es galileo. 71 Pero el comezou a maldicir e a xurar: -Eu non coñezo a este home de quen falas! 72 Ao instante un galo cantou por segunda vez. Entón Pedro lembrou o que Xesús lle dixera: antes que o galo cante dúas veces, hasme negar tres veces. E saíndo para fóra botouse a chorar.
1 Moi cedo a mañanciña, os sumos sacerdotes, despois de celebrar consello cos anciáns, os escribas e todo o Sanedrín, amarraron a Xesús e levándoo, entregárono a Pilato. 2 Pilato preguntoulle:-Es ti o rei dos xudeus? El respondeulle: -Dilo ti. 3 Os principais dos sacerdotes acusábano de moitas cousas. 4 De novo Pilato preguntoulle: -Non respondes nada? Mira de cantas cousas te acusan 5 Pero Xesús non respondeu nada máis; de xeito que Pilato estaba asombrado. 6 Agora ben, na festa soltáballes un preso, calquera que eles pediran. 7 Un, chamado Barrabás, estaba preso cos sediciosos, os que tiñan cometido homicidio nunha revolta. 8 Cando subía a multitude, comezaron a pedir que lles fixera como de costume. 9 Pilato respondeulles: queredes que vos solte ao rei dos xudeus? 10 (Porque sabía que os principais dos sacerdotes llo entregaran por envexa). 11 Pero os sumos sacerdotes incitaron á multitude para que lles soltara a Barrabás. 12 E Pilato, tomando de novo a palabra, dicíalles: -Que farei, entón, co que chamades o Rei dos xudeus? 13 Eles respondéronlle a berros: -Crucifícao! 14 Pilato replicou: -Por que? Que mal fixo? E eles berraban aínda máis: -Crucifícao! 15 Pilato, querendo compracer á multitude, soltoulles a Barrabás; e despois de facer azoutar a Xesús, entregouno para que o crucificaran. 16 Entón os soldados levárono para dentro do pazo, é dicir, ao Pretorio, e convocaron a toda a cohorte romana. 17 Vestírono de púrpura, e despois de tecer unha coroa de espiñas, puxéronlla; 18 e comezaron a vitorealo: salve, Rei dos xudeus! 19 Dábanlle golpes na testa cunha canivela e cuspíano. E axeonllándose facíanlle reverencias. 20 E despois de burlarse del, quitáronlle a púrpura, puxéronlle as súas roupas e sacárono para crucificalo. 21 E obrigaron a un que pasaba por alí e que viña da leira, Simón de Cirene, o pai de Alejandro e Rufo, a que levase a cruz de Xesús. 22 Levárono ao lugar chamado Gólgota, que traducido significa: Lugar da Caveira. 23 E trataron de darlle viño mesturado con mirra, pero El non o quixo. 24 Cando o crucificaron, repartíronse as súas roupas, botando sortes para decidir o que se levaría cada un. 25 Eran as nove da mañá cando o crucificaron. 26 E a inscrición da acusación contra El dicía: "o rei dos xudeus". 27 Crucificaron con El a dous bandidos; un á súa dereita e outro á súa esquerda. 28 E cumpriuse a Escritura que di: "Foi contado cos transgresores". 29 E os que pasaban inxuriábano abaneando a cabeza e dicindo: -Vaites! Ti que destrúes o templo e en tres días o reedificas, 30 sálvate a ti mesmo e baixa da cruz! 31 Do mesmo xeito, tamén os principais sacerdotes xunto con escribas, burlándose del entre eles, dicían: -A outros salvou, a si mesmo non se pode salvar. 32 Que este Cristo, o Rei de Israel, baixe agora da cruz, para que vexamos e creamos! E os que estaban crucificados con El tamén o aldraxaban. 33 Cando deron as doce do mediodía, houbo escuridade sobre toda a terra ata as tres da tarde. 34 E a esa hora Xesús berrou ben forte: -"Eloi, Eloi, lema sabactani"? Que traducido significa, meu Deus, meu Deus, por que me desamparaches? 35 Algúns dos que estaban alí, ao oílo, dicían: -Mirade, está chamando por Elías! 36 Entón un correu e empapou unha esponxa en vinagre, e poñéndoa nunha cana, deulle a beber, dicindo: -Deixade, vexamos se vén Elias a baixalo. 37 E Xesús, dando un berro moi forte, expirou. 38 E o veo do templo rachou en dous, de arriba a baixo. 39 Vendo o centurión que estaba fronte a El, o xeito en que expirou, dixo: -En verdade este home era Fillo de Deus. 40 Tamén había mulleres mirando de lonxe, entre as que estaban María Magdalena, María, a nai de Xacobe, e Salomé 41 que o seguían cando Xesús estaba na Galilea, e servíanlle; e moitas outras que subiran con El a Xerusalém. 42 Xa á tardiña, como era o día da preparación, é dicir, a véspera do día de repouso, 43 veu Xosé de Arimatea, membro prominente do concilio, que tamén agardaba o reino de Deus; e enchéndose de valor, entrou onde estaba Pilato e pediulle o corpo de Xesús. 44 Pilato estrañouse de que xa morrera, e chamando ao centurión, preguntoulle se xa estaba morto. 45 E comprobando isto por medio do centurión, concedeulle o corpo a Xosé, 46 quen comprou un lenzo de liño, e baixándoo da cruz, envolveuno no lenzo de liño e púxoo nun sepulcro que fora escavado na rocha; e fixo rolar unha pedra á entrada do sepulcro. 47 E María Magdalena e María, a nai de Xosé, miraban para saber onde o poñía.
1 Pasado o día de repouso, María Magdalena, María, a nai de Xacobe, e Salomé, compraron especias aromáticas para ir a unxilo. 2 E moi cedo, o primeiro día da semana, chegaron ao sepulcro despois da alborada. 3 E ían falando entre elas: -Quen nos removerá a pedra da entrada do sepulcro? 4 Cando ergueron a vista, viron que a pedra, fora removida, aínda que era moi grande. 5 E entrando no sepulcro, viron a un mozo sentado á beira dereita, vestido con roupa branca; e elas espantáronse. 6 Pero el díxolles: -Non vos asustedes; buscades a Xesús Nazareno, o crucificado? Non está aquí; resucitou, ollade o lugar onde o puxeron. 7 Pero ide, dicide os seus discípulos e a Pedro: El vai diante de vós a Galilea; alí verédelo, tal como vos dixo. 8 E saíndo elas, fuxiron do sepulcro, porque un gran tremor e espanto se apoderou delas; e non dixeron nada a ninguén do medo que tiñan. 9 Despois de resucitar, no abrente do primeiro día da semana, Xesús apareceuse en primeiro lugar a María Magdalena, da que botara fóra sete demos. 10 E ela foi e comunicoullo aos que estiveran con El, que estaban a se lamentar e chorando. 11 Cando eles oíron que El estaba vivo e que ela o vira, non llo creron. 12 Despois disto, apareceuse en forma distinta a dous deles cando ían de camiño o campo. 13 E estes foron e comunicáronllo aos demais, pero a eles tampouco lles creron. 14 Despois apareceuse aos once cando estaban sentados á mesa, botándolles en cara a súa incredulidade e dureza de corazón, porque non creran aos que o viran resucitado. 15 E díxolles: -Ide por todo o mundo anunciando as boas novas a tódalas criaturas. 16 O que crea e sexa bautizado será salvo; pero o que non crea será condenado. 17 E estes sinais acompañarán aos que creron: no meu nome botarán fóra demos, falarán en novas linguas; 18 tomarán serpes nas mans, e aínda que beban algo mortífero, non lles fará dano; sobre os enfermos poñerán as mans, e poñeranse bos. 19 Entón, o Señor Xesús, despois de falar con eles, foi recibido no ceo e sentou á dereita de Deus. 20 E eles saíron a predicar por todas partes, colaborando o Señor con eles, e confirmando a palabra por medio dos sinais que os acompañaban.